Unha homenaxe á Galicia rural e aos oficios que construíron a súa identidade. Lembranza recupera a memoria das feiras, do traballo artesanal e da indumentaria tradicional para reinterpretala desde unha mirada contemporánea, poñendo en valor un patrimonio que pouco a pouco foi desaparecendo coa industrialización.
Unha colección inspirada no Prestige que pretende render homenaxe á resiliencia do pobo galego, á loita pola preservación do mar e á conexión coa natureza. Preténdese transformar a dor e a devastación en arte e reflexión. Todo isto acompañado de encaixe de Camariñas en tódalas pezas.
Diáspora nace dunha reflexión sobre a emigración galega e as mulleres que ficaban, entre a ausencia, a espera e o loito. Co negro como protagonista, a colección reinterpreta a indumentaria tradicional desde unha mirada contemporánea. Os bordados e as referencias á obra de Rosalía de Castro conectan as prendas coa memoria e a identidade galegas.